Mobilidade sustentábel

Por Carme Miralles-Guasch [*]
26.09.2009

Cada ano, na segunda quincena de setembro, os municipios europeos dedican unha semana á mobilidade sustentábel. A Semana Europea da Mobilidade puxo o acento esta vez "na mellora do clima da túa cidade", coa idea de que incida no ambiente das cidades, en mellorar os índices de benestar e tamén co propósito de que a cidadanía relacione a mobilidade co cambio climático. De feito, os desprazamentos en medios de transporte privados que circulan polas nosas cidades son os responsables dun 30% das emisións de gases de efecto invernadoiro culpables dos cambios climáticos que esta sufrindo o planeta. Son unhas emisións moito máis difíciles de controlar e de amortecer que as producidas pola industria, xa que teñen unha orixe moito máis dispersa e incumben á vida cotiá dos cidadáns. As accións e boas prácticas levadas a cabo durante esta semana polos 2.000 municipios participantes en Europa dos que uns 300 son españois, onde viven uns 180 millóns de cidadáns, pretenden influenciar nos hábitos da mobilidade cotiá, diminuíndo a utilización do coche privado e aumentando outros medios de transporte que contribúan a reducir as emisións, como o uso da bicicleta e os transportes públicos, especialmente os ferroviarios.

Para iso, un dos actos que se intentaron realizar en case todas as cidades é Un día sen o meu coche, co fin de que descubramos outras estratexias de desprazamento para ir aos nosos lugares de traballo, de estudo, de compras ou de lecer. Esta iniciativa, que se empezou a implantar a finais dos anos noventa e que parece acertada na medida en que intenta que sexamos conscientes de que o cambio climático é un problema que nos incumbe a todos e que tamén son nosas practicas cotiás as que contribúen a iso, tropeza cunhas cidades, especialmente as súas periferias, que se deseñaron para todo o contrario, e aínda que os cidadáns queiran ir en bicicleta ou andando, ou utilizar os medios de transporte público de forma máis habitual. As súas vontades de cambio frústranse cando as distancias entre os lugares onde realizan as súas distintas actividades están demasiado lonxe uns dos outros, non son seguras para ir andando ou en bicicleta ou simplemente non hai transporte público porque as densidades urbanas son demasiado baixas e este non é funcionalmente aceptable. O deseño actual das cidades ten que adaptarse a estes novos retos que o cambio climático impón á mobilidade. Porque non se trata de deixar de desprazarse, de non participar en todo aquilo que a cidade nos ofrece.

Trátase de deseñar unhas cidades que nos permitan a nosa trasfega diaria noutros medios que non sexan o coche privado cun só ocupante. Trátase de non ter que ir comprar o pan en coche, para que nos entendamos. E tamén se trata de que os cidadáns tomemos conciencia diso. Unha Semana da Mobilidade Sustentábel será máis proveitosa cando o deseño das cidades nos permita ampliala ao resto de semanas do ano.

[*] Carme Miralles-Guasch é Profesora de Xeografía Urbana

Fonte: publico.es
____________

0 comentários:

Postar um comentário

Mobilidade Urbana Sustentábel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column